Gregory Porter

Tras a cancelación do concerto de Gregory Porter previsto para o 26 de xullo, a Cidade da Cultura contará cunha das voces máis brillantes do jazz actual o vindeiro 12 de novembro.

Influenciado por una mestura da sensibilidade de Nat King Cole, a profundidade de Joe Williams e o soul de Donny Hathaway, Porter logra un son persoal que o fai único, cunha voz que se pode acariñar, abrazar ou enfrontar.

Porter iniciou a súa carreira musical en pequenos clubs de San Diego e deuse a coñecer sobre escenarios de Broadway co musical Ain’t Nothing But the Blues para logo facer do mundo o seu fogar musical e lanzar a súa carreira no 2010 con Water, polo que conseguiría unha nominación aos Grammy na categoría de mellor álbum de jazz vogal, e ao que seguiría Be Good no 2012.

No Museo Centro Gaiás, Porter estará á fronte dun cuarteto formado polo saxofonista Yosuke Sato, Chip Crawford ao piano, Aaron James ao contrabaixo e Emanuel Harrold á batería para ofrecer un estilo e unha visión do mundo propia a través de temas dunha enorme intensidade emocional. Como moitos dos cantautores de décadas pasadas, hai que escoitalo despacio, sen présas e aberto a unha poderosa voz e gusto á hora de interpretar composicións cheas de compromiso social cunha mestura perfecta de jazz e soul.