Milladoiro

O Museo Centro Gaiás celebra os 35 anos dun dos grupos máis internacionais da música galega: Milladoiro.

Despois de trinta e cinco anos escribindo a banda sonora de Galicia, Milladoiro segue a buscar a beleza detrás de cada pentagrama, nunha viaxe que ten a Galicia no seu epicentro.

Con más de vinte discos e outra vintena de galardóns, algúns tan prestixiosos como a Medalla de Ouro de Galicia, a banda de folk fundada nun lonxano outono de 1978 consolídase como o grupo máis emblemático e internacional da música tradicional galega.

Os decanos que abriron camiños, logo percorridos por xeracións de talentosos músicos, continúan a reivindicar un futuro para a música tradicional galega. No aniversario dos seus 35 anos, o grupo que tomou o seu nome das pedras amontoadas no Camiño para indicar a dirección a Santiago volta a Compostela, disposto de nova a emocionar no Gaiás con algúns dos grandes temas da súa amplísima traxectoria.