Xesús 'Chichi' Campos: o humor de trazo elegante | Exposición Día da Ilustración 2024

Xesús 'Chichi' Campos (Tenerife, 1952-Santiago de Compostela, 1991) é o autor homenaxeado no Día da Ilustración deste 2024, que se celebra o 30 de xaneiro. A Biblioteca de Galicia participa nesta celebración coa mostra bibliográfica Xesús Chichi Campos: o humor de trazo elegante, que pretende dar unha imaxe de conxunto do humor e a visión do mundo dun home polifacético como foi “Chichi” Campos, un dos máis finos debuxantes da súa xeración, ademais de cronista perspicaz da política e a sociedade dos anos da transición en Galicia.

A mostra, que reúne unha escolma das publicacións nas que colaborou Xesús Campos, parte da Cova das choias, a primeira revista de banda deseñada galega, e chega ata os últimos estudos e homenaxes adicados a súa obra.

Dentro do material exposto destaca especialmente a inclusión de documentos orixinais (debuxos, bosquexos e maquetas) rescatados do arquivo da revista Can sen dono e que agora custodia a Biblioteca de Galicia. Este material brinda de primeira man unha ollada peculiar ao proceso de creación e edición nos anos previos á difusión da tecnoloxía dixital no mundo editorial e permite que o público se achegue ao máis xenuíno e orixinal humor de trazo elegante de Xesús “Chichi” Campos.

Chichi Campos foi debuxante, humorista, columnista e guionista, tivo unha activa participación na política e viviu os anos da Transición española. Todas estas facetas e o contexto no que viviu quedan reflectidos a través desta mostra bibliográfica ao redor da súa figura.