Fundación Cidade da Cultura


Noticias

Peter Eisenman na Cidade da Cultura

[ 28/10/2009 ] Peter Eisenman percorreu as obras da Cidade da Cultura acompañado pólo Conselleiro de Cultura e Turismo, Roberto Varela, e a Directora Xerente da Fundación Cidade da Cultura, Silvia Domínguez. O arquitecto amosouse encantado con como se está a desenvolver o seu proxecto para o Gaiás.

Roberto Varela e Peter Eisenman durante a visita
Roberto Varela e Peter Eisenman durante a visita
Eisenman puido examinar de primeira man tanto os acabados da Biblioteca de Galicia como os últimos traballos que se están a levar a cabo no Museo de Galicia e no edificio de Servicios Centrais.

Previamente, Roberto Varela recibiu a Peter Eisenman en San Caetano. Esta primeira reunión entre o Conselleiro de Cultura e Turismo e o arquitecto da Cidade da Cultura serviu para coñecerse persoalmente e avanzar na boa sintonía. Ambos cualificaron o encontro como cordial e positivo.

Na entrevista, Roberto Varela transmitiulle a Peter Eisenman o compromiso da Xunta de Galicia coa Cidade da Cultura. Neste sentido, o conselleiro de Cultura e Turismo ratificou a necesidade de rematar o proxecto e de converter o complexo do Gaiás nunha infraestrutura cultural símbolo da Galicia do século XXI. Tanto Varela como Eisenman coincidiron en sinalar o obxectivo de que a Cidade da Cultura sexa unha icona de Galicia e unha referencia no mapa internacional no ámbito das artes, da cultura, da arquitectura e da investigación.

Como prioridade, o conselleiro analizou a apertura á cidadanía do complexo do Gaiás en 2010 e a posta en valor dos edificios cun maior nivel de execución. Deste xeito, Roberto Varela explicoulle ao arquitecto que nos orzamentos da Xunta de Galicia para 2010 contémplase unha menor inversión na Cidade da Cultura pero que se primará unha maior eficiencia na execución do presupostado para facer realidade á apertura do complexo de xeito paulatino.

Doutra banda, o conselleiro e o arquitecto analizaron os avances no concurso da segunda fase da urbanización da Cidade da Cultura. Neste momentos, a oficina técnica está a avaliar as 18 propostas presentadas para acometer estas obras imprescindibles para facilitar o acceso ao Gaiás.

O conselleiro Roberto Varela e o arquitecto Peter Eisenman acordaron traballar en contacto permanente respecto á Cidade da Cultura. A próxima visita do arquitecto estadounidense a Galicia producirase antes do remate deste ano 2009.

Máis noticias



© cidade da cultura de galicia