






A Biblioteca de Galicia abrirá as súas portas a finais de 2010, ano do Libro e a Lectura en Galicia e Ano Xacobeo.
Destinada a ser cabeceira do sistema de bibliotecas galegas, a súa misión é a de reunir, conservar e difundir o patrimonio bibliográfico de Galicia e toda a produción impresa, sonora, audiovisual ou informática relacionada co mesmo. Á súa vez, representará ao sistema bibliotecario galego en España e ante todos os organismos, foros e plataformas internacionais do ámbito bibliotecario.
Promocionará e difundirá a cultura galega, facilitando o acceso ao patrimonio bibliográfico galego, xa sexa de forma presencial ou virtual, e será unha peza clave para as actividades culturais relacionadas co libro, a lectura e as bibliotecas. Neste marco, destinará recursos especiais á promoción da literatura infantil e xuvenil en lingua galega, potenciando o seu valor e a diversidade cultural.
Tanto os cidadáns en xeral como o público profesional poderán acceder á información relevante para usos culturais e educativos.