






O Arquivo de Galicia, situado nun edificio contiguo ao da Biblioteca de Galicia, abrirá tamén as súas portas a finais de 2010.
Como cabeceira e centro de referencia do sistema de arquivos de Galicia, a súa misión é a de recibir, custodiar e poñer a disposición dos cidadáns todos aqueles documentos públicos ou privados en calquera tipo de formato (papel, vídeo, fotografía, audio...) que, polo seu valor, necesiten ser conservados.
En virtude da súa dobre función administrativa e histórico-cultural, custodiará os documentos emanados das actividades da Xunta de Galicia e os seus órganos dependentes, asegurando o acceso aos cidadáns tanto desde as súas instalacións como a través de Internet.
Mediante a xestión do patrimonio documental, o Arquivo de Galicia constituirase en salvagarda dunha parte significativa da memoria de Galicia, propiciando tamén a recuperación e revalorización dos fondos documentais conservados pola emigración.
Educadores, investigadores, creadores ou artistas e a cidadanía en xeral, poderán acceder á documentación que necesiten por motivos administrativos, de estudo ou culturais.