






Concibido como espazo expositivo para divulgar internacionalmente o patrimonio e a historia de Galicia e para ser, ao mesmo tempo, receptor de proxectos internacionais, o edificio atópase nunha fase de construción avanzada e a súa inauguración está prevista para o ano 2011. A espectacularidade da súa fachada, os case 43 metros de altura e os seus máis de 16.000 m2 de superficie fan do Museo un dos edificios máis rechamantes e singulares da Cidade da Cultura de Galicia.
A súa programación, baseada en novos conceptos e técnicas expositivas, incluirá, con carácter permanente, un proxecto museográfico dedicado ao pasado e presente de Galicia e a mostrar as claves do seu futuro. Paralelamente, albergará exposicións temporais de gran formato que se complementarán con diversas actividades de formación e divulgación que o converterán nun centro activo, en continua renovación e cheo de actualidade.