






Situado no punto central da Cidade da Cultura de Galicia, as súas instalacións atópanse actualmente nunha fase inicial de construción.
Como resultado do proceso destinado a adaptar as súas características aos vertixinosos cambios no ámbito das artes escénicas, o Centro da Música e das Artes Escénicas, que inicialmente fora concibido para albergar o Teatro da Música, constituirá un espazo idóneo para a realización de actividades musicais, escénicas e audiovisuais de primeiro nivel.
Favorecerá a proxección exterior das producións galegas nos ditos ámbitos e o intercambio e a cooperación internacionais.
O seu auditorio principal, cun grande escenario polivalente e con capacidade para 1.300 persoas, complementarase con espazos de menor dimensión. Estes poderán albergar proxectos de pequeno formato e serán axeitados para a experimentación e a creación interdisciplinar, así como para accións formativas e de intercambio profesional. Desta forma, o Centro da Música e das Artes Escénicas non só será un espazo de excelencia para a exhibición no ámbito das artes escénicas, senón tamén un centro de recursos para a creación.